serendipia
Carta do editor :: David Barro
<< sumario

>> castellano

Estimado lector:
Escribo estas liñas convencido de que Serendipia é, sobre todo, unha necesidade. Éo coma instrumento independente do poder político e económico pero, sobre todo, como dependente do cada vez máis debilitado poder intelectual. ¿Onde está hoxe en Galicia o intelectual? Seguramente, como sinalou Jean-Claude Milner a propósito de Francia o intelectual xa non existe como crítico: “O intelectual de hoxe, pusilánime ante os fortes, duro cos febles, ambicioso sen intención...”, todos podemos poñerlle caras. Hoxe o intelectual é submiso ao diñeiro, ao prestixio, ao poder. Nun lugar onde se confunde a pluralidade democrática co ‘vale todo’, onde se valora máis o silencio improdutivo que a presenza crítica, Serendipia simplemente ofrecerá unha voz curiosa polo saber, pensará libremente.
O tema do ‘silencio dos intelectuais’ emerxeu na Francia de Mitterrand ante a desilusión de que a ‘esquerda unida’ non era capaz de levar a cabo o seu slogan de ’cambiar a vida’. Aí nacía o dilema e máis tarde a polémica suscitada por Le Monde.
Pero o intelectual, que garda a capacidade de tornar a ciencia cultura, debe meterse ‘onde non o chaman’, xa que obedece a valores universais que chamamos ‘ideais’. Como afirmou nunha conferencia Francis Wolff, o intelectual é aquel que transforma unha autoridade intelectual en autoridade política en nome dunha autoridade moral.
Como na Francia de 1983, na situación brasileira actual ou en Galicia, nunca os intelectuais gastaron tantas palabras para xustificar por que non din nada. Seguramente por iso teñen tanto éxito os blogs, sempre subxectivos ante a falsa obxectividade de gran parte da prensa. Quizais a súa escritura parabólica achégueos áos paradoxos sublimes da poesía, que desde aquí potenciaremos convencidos dos seus recursos e posibilidades si se lle concede un lugar nos medios. As palabras poden mudar as conviccións, provocar unha reacción. Non nos viría mal un xornalismo como o de Marx, analítico respecto dos xornais que le. Ser dunha determinada ideoloxía non debe significar submisión e si combate interno, para revelar as súas contradicións, para desvelar os seus puntos cegos. Poderiamos pensar en cando Sartre criticaba aos filósofos do XVIII que ‘cando buscaban ao home, só chegaban ao burgués’, pero sobre todo en André Gide, que rexeitaba a táctica intelectual para ofrecer outro tipo de compromiso, renunciando a ser escritor e admitindo a súa submisión partidista. Máis tarde sinalará: “Non hai partido que sexa dono da verdade, nin o meu dono. Axiña que a mentira intervén, non me acomodo, o meu papel é denunciala. Se o partido a abandona, eu abandono o partido nese momento”. O intelectual non debe abandonar o seu purismo, as súas consideracións abstractas, en prol duns intereses políticos ou económicos inmediatos. O silencio é a negación máis absoluta do intelectual.
Serendipia procurará esa credibilidade perdida e tratará de esquivar a impostura e falta de independencia, evitando a présa (algúns non teñen tempo nin para responder aos e-mails) para conformar unha actualidade nunca imposta, senón aquela que nace entre as liñas. Así, teremos algún que outro ‘muckraker’, termo que nace do encontro do esterco e o anciño, preparado para remover no social. Porque hoxe poucos son os xornalistas que investigan, ou que lles deixan facelo. É o tempo para as escordaduras de futbolistas ou para os devaneos de toureiros ou grandes irmáns. Tamén para os atascos, para o frío; porque o incómodo sempre é invisible, como os trapicheos dos aparentemente intocables, por suposto.
Sen buscar a guerra, en Serendipia perseguiremos o debate, o pensamento. Farémolo esteamos ou non de acordo cos nosos colaboradores, coas súas opinións, coa súa opción política. Trataremos de someternos a unha información ecolóxica ante tanta noticia contaminada, así como de brindar un novo xeito de loitar pola nosa cultura, adaptada ao noso tempo e convencidos de que o triunfo do libre mercado non é o triunfo da democracia. Seremos por tanto unha alternativa máis á concentración mediática e cultural que reduce, considerablemente, a pluralidade.
Nun momento onde priman cada vez máis os xornais sen xornalistas, sen prezo, sen lectores conscientes e as simples estruturas comerciais, buscaremos as firmas de quen teña algo que dicir. Porque as ideas se pagan, aínda que moitos non semellan sabelo. Moitas veces están aí; detrás dos DVD, figuriñas ou libros que adquirimos independentemente do xornal que os ofreza. E aínda así a escala de vendas de xornais cae un 2% cada ano en todo o mundo. En Dardo ds –editorial e empresa de deseño ligada ao cultural– sabémolo pero loitamos contra iso en todos os produtos que editamos; cremos no que facemos e entendemos que o noso lugar e credibilidade está nese exercicio de resistencia, na serenidade. O resto xa chegará.


O EDITOR

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS