
(...)
O SILENCIO DO INTELECTUAL
DB: Hai outro tema, ou silencio, que me preocupa enormemente: o silencio do intelectual. Penso, sobre todo, en Galicia.
MV: A función do intelectual é disentir co poder. Téñoo claro. Dende hai moito tempo os intelectuais perseguen máis o pesebre do poder que a disidencia. A nivel estatal reúnense en capelas para adquirir poder, e en Galicia case todos están á procura do pesebre político.
YC: Os que están producindo opinión e creando valor xa non chegan a ese lugar intelectual, impídeselles o acceso. Voces existen.
MV: En Galicia non hai apenas publicacións de libros de pensamento, non se xera pensamento. É a espectacularidade da sociedade, da mesma universidade e do propio pensamento. O gran problema é que o espectacular domina todo o que significa exercicio intelectual.
YC: O problema é o solapamento, non a convivencia.
MV: Poderíamos falar de Debord, pero simplemente quero significarme como alguén nada devoto da espectacularidade.
DB: Falas da Universidade...
MV: Severo Ochoa falou aquilo de que “a Universidade será elitista ou non será”. A Universidade é un centro de masas e despois se espectaculariza. Pero se perdeu pensamento e proxectos verdadeiramente universitarios.
DB: O intelectual soamente participa do campo político a distancia, como ‘presenza ausente’. Estou absolutamente convencido da existencia dunha cousa que podemos chamar anemia intelectual, cal é a censura de hoxe?
YC: Estou de acordo con Manuel de que a principal obriga do intelectual debería ser a crítica, ter unha conciencia crítica, unha actitude crítica. Ante iso hai algo de medo nun país tan pequeno.
MV: En Galicia aínda existen os pactos de silencio. A sociedade galega é aínda moi pechada e aínda funcionan os pequenos grupos de presión, de amiguetes...
YC: Endogámicos.
MV: Nin sequera chegan a lobbies. Funcionan este tipo de mecanismos que fan que falemos excelencias de cousas que non son verdade, como ocorre na arte. Fálase de que se vai exportar a arte galega pero a arte galega non se exporta. Se hai arte boa ou poesía boa existirán requerimentos para levala, senón nos quedamos onde estamos. Non se pode exportar arte como polos; non existen fábricas Coren de artistas.
DB: E ¿cómo se podería mellorar a política ou políticas culturais galegas?
MV: Hai que potenciar a formación dos artistas pero penso que é moi malo o exceso de subvención. O artista ten que aprender a resistir e a vivir, ás veces, con certa austeridade. É importante a produción de obras cando realmente o artista ten algo que dicir pero non subvencións a fondo perdido en artistas sen ningún tipo de proxecto. A formación é boa se evitamos o mimético.
YC: A min non me parece que sobren as subvencións, polo menos en materia literaria pero estou de acordo no tema da formación, e que esta debería ser máis integral. Hai que protexer ao autor pero tamén ao lector e ao consumidor. Temos que conseguir crear un mercado; aínda hai moito que facer en difusión e promoción. O xérmolo da demanda depende da propia oferta.
DB: Pero a protección excesiva pode ser negativa...
YC: Claro, unha obra ten que sustentarse por si mesma. Cada vez creo menos nos mitos dos incomprendidos.
(...)
Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986
