serendipia
externo e interno
Carta do director :: Pablo G. Quintas
<< sumario

>> castellano

Estimado lector:
¿Continente ou contido? ¿Forma ou fondo? Nunha terra habitada por galegos, máis afeitos a encher o prato que a eloxiar a vaixela, a Cidade da Cultura preséntase coma un desafío, coma un estadio de 100.000 espectadores en busca de equipa para xogar a Champions.
Mausoleo ou oportunidade histórica, a obra de Eisenman está aí, non hai volta atrás, xa digo, como o céspede dun Maracaná que necesita un Pelé.
Non vai ser o que moitos querían que fose, pero a calquera proxecto deste tipo hai que buscarlle unha rendibilidade cultural, de lecer, turística e, por suposto, económica. Patrimonio da Humanidade de balde xa hai un en Compostela, o casco antigo, o que fai falla en Gaiás son boas ideas, alleas aos vaivéns das urnas, á dereita, á esquerda e ao centro.
Todos os cidadáns de Galicia imos pagar a Cidade da Cultura, pero hai quen prefire enarborar unha bandeira na que se esixa unha recompensa e hai quen prefire manter o discurso vitimista de que somos terceiromundistas, catetos e incapaces de defendernos ante o poderío exterior.
Gaiás debe ter unha xestión privada, con axudas e subvencións como calquera outro lugar destas características. E Galicia ten empresarios e grandes fortunas suficientes para facer da Cidade da Cultura un lugar atractivo para os touroperadores, as familias, os xubilados, os mozos con estudos universitarios, os matrimonios con fillos, os homosexuais e os carcas. Ese é o reto, que sexamos os galegos os que xestionemos Gaiás e o fagamos viable. Arquitectonicamente ten un valor, gustos á marxe, pero o prato necesita un produto atractivo.
A última vez que visitei o Guggenheim de Bilbao, a pranta principal estaba chea de nenos pintando fantasías nun obradoiro organizado polo BBVA. No auditorio, a Kutxa patrocinaba o primeiro campionato do mundo de xadrez a cegas, e a exposición principal era de arte africana, nada do outro mundo. Pero o museo estaba cheo.
No caso de que as caixas, bancos, empresas e inversores galegos non queiran entrar en Gaiás (ou non lles deixen), serán outros, cataláns, madrileños ou franceses, os que se fagan coas fundacións que van xestionar a Cidade da Cultura. Compañías que pagan os seus impostos fóra da comunidade e virán a Santiago a facer caixa, a aproveitarse dese proxecto de Estado que anunciaron Zapatero e Touriño. Estaremos entón ante outro caso de deslocalización, botarémoslle a culpa do que está pasando a quen ocupe San Caetano e berraremos ¡Nunca Máis!
Continente e forma públicos, contido e fondo fundamentalmente privados, porque ao sector público interésalle que a xente se achegue a Galicia e ao sector privado non perder diñeiro nas súas apostas. Repito, Patrimonio gratuíto xa hai un, deixemos de chorar e enchamos o estadio de xente aínda que, no canto de fútbol haxa ópera, ou rock, ou campionatos de xadrez a cegas.

O director

 

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS