serendipia
Entrevista a Manuel Fernández Iglesias :: Pablo G. Quintas
<< sumario

O cine sempre está aí, nas nosas vidas, para encher os momentos máis íntimos ou mesmo para darlle contido a unhas horas, a un lugar, a un espazo. Si, a un espazo, aínda que este sexa tan colosal como a Cidade da Cultura. Convertida en proxecto de Estado, os presidentes dos Gobernos central e galego cren que Gaiás pode ser un nexo de unión entre a Península e Iberoamérica co audiovisual como protagonista. Menos ópera e máis pantalla grande, por que non? Os cómicos contra os tenores e, mira por onde, vanse impor os que fan rir. A iniciativa é un esbozo, pero nas mans do Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, é un abanico de posibilidades que parece non estar disposto a pechar.

SERENDIPIA: E de pronto, chegou o cine á Cidade da Cultura...
M. F. IGLESIAS: Se está a ver como un proxecto de Estado e aí xorden cousas interesantes. Temos agora mesmo un programa que se chama Raíces, que é un fondo de coprodución no que participan Galicia, Andalucía, Cataluña e Arxentina. Foi unha ponte importante para unir as dúas partes do Atlántico no eido audiovisual, de feito o Ratoncito Pérez foi financiada en parte polo programa Raíces. Nós temos algunha idea interesante para darlle contido audiovisual á Cidade da Cultura.

S: Por exemplo?
MFI: As novas tecnoloxías permítennos replicar parte do patrimonio que temos no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) para ter unha copia na Cidade da Cultura, con postos de visionado, pódense facer actividades e exposicións do patrimonio gráfico. Achegariamos á sociedade o que temos, de feito Galicia foi a pioneira do cine en España e estamos recuperando parte dese material. Os contidos de Galicia Dixital, que se están a ver en San Martín Pinario, poderían ter tamén un espazo na Cidade da Cultura, hai moitísimas posibilidades.

S: Algún proxecto xa máis avanzado?
MFI: Polo momento son ideas. A Cidade da Cultura ten unha valía arquitectónica incuestionable, pero temos que ter en conta que é un contedor no sentido amplo, o importante vai ser o que poñamos alí, e nós xa temos un patrimonio importante para darlle contido a parte da Cidade da Cultura. O liderazgo depende da Consellería de Cultura, pero eu sempre estarei disposto a contribuír.

S: Deixando a un lado Gaiás, falaba antes do Ratoncito Pérez; un Goya como o que acaba de recibir é realmente un espaldarazo para o conxunto do audiovisual galego ou só enche os xornais do día seguinte?
MFI: Un premio cinematográfico ten unha función moi importante na promoción. Ten un impacto mediático e resáltase cando se estrea unha película. É o terceiro Goya seguido para a animación galega e iso resalta o noso papel, no audiovisual e sobre todo no campo da animación. Cataluña está apostando polo documental e estes premios fan ver que o noso forte é a animación, temos dous produtoras importantes como Bren e Dygra, Continental tamén entrou con De Profundis... É unha aposta arriscada, pero a concesión de premios como os Goya xeran sensación de capacidade.

S: Pero, é boa esa especialización nunha comunidade?
MFI: Especialización non significa exclusividade, tamén facemos moi bos documentais e longametraxes, pero é bo ter uns sinais de identidade. A excepcionalidade cultural non existe, non hai un audiovisual galego como pode haber un cine indio ou iraniano. Galicia está metida nunha cultura occidental e non existe unha especificidade que xustifique temáticas propias, porque a lingua é un medio de expresión. Entón, esa especialización por formatos sempre axuda e é positiva, reforza o audiovisual e pode arrastrar ao resto do sector.
S: Fóra entón a etiqueta de Audiovisual galego?
MFI: Eu falaría de audiovisual feito en Galicia ou feito polas empresas galegas, pero non creo que exista un audiovisual galego no sentido identitario. A idea da lingua como algo identitario choca de fronte coa idea de externacionalización dos produtos.

S: A lingua é entón unha limitación para chegar a outros mercados?
MFI: Non é unha limitación, o importante son as ideas e a calidade dos proxectos. Cando se estreou Mar Adentro en Estados Unidos, as partes en galego mantivéronse e non foi unha cortapisa porque falaba dun problema universal. A parte industrial do audiovisual non entende de linguas, outra cousa é a promoción cultural de determinados proxectos.

(...)

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS