serendipia
Entrevista a Bieito Pérez Outeiriño :: Paloma Botas
<< sumario

Bieito Pérez Outeriño dirixe o Museo das Peregrinacións convencido de que ás veces non resulta doado diferenciar entre o papel puramente cultural do museo e o social; “todo funciona nun museo como sistema integral e calquera proposta cultural realizada por o museo ten como destinatario último a sociedade”, sinala. Dadas as especiais condicións da vida do Museo das Peregrinacións, que permaneceu 45 anos pechado ao público, Pérez Outeiriño trata de recuperar o tempo perdido e activar diversos mecanismos para estar presente no tecido cultural. Serendipia reuniuse con el para coñecer os seus obxectivos ao frente do museo.

Serendipia :: Cales son as liñas expositivas que segue o museo e que obxectivos ten?
Bieito Pérez Outeiriño :: As exposicións temporais deseñáronse como un complemento do discurso da exposición permanente e, polo tanto, sempre dentro do contido temático que ten atribuído o museo. En todos os casos se pretende fomentar valores de respecto e tolerancia intercultural a través do coñecemento. As liñas definidas a partir de 1999 e que constitúen os correspondentes programas expositivos poderíanse sintetizar nas seguintes: “Peregrinacións no mundo”, destinada a ofrecer, a través do obxectivo de fotógrafos de prestixio nacional ou internacional, aspectos sobranceiros das manifestacións peregrinatorias en calquera parte do mundo; “As outras peregrinacións”, na que o concepto máis amplo do termo peregrinación ofrece a importantes creadores contemporáneos producir e expresar libremente derredor desta metáfora da propia existencia humana; unha terceira liña destinada a expoñer proxectos que son o resultado dun proceso de investigación sobre fondos do propio museo ou do seu contido temático; e unha cuarta que ten por finalidade difundir o patrimonio cultural, en especial o relacionado con Galicia e os Camiños de Santiago. Todo complétase cunha liña transversal aberta a artistas noveis facilitándolle a exposición da súa obra, sempre en relación cos programas expostos.

S :: Como entende a proxección internacional dun “museo local”?
BPO :: No caso do Museo das Peregrinacións, a proxección internacional ven esixida polo seu propio contido temático pois, onda o referente á cidade, figura o concepto universal da peregrinación e a peregrinación xacobea en particular que sobrepasa todo tipo de fronteiras. Esta dimensión é un reto porque obriga a adaptar as mensaxes que ofrece o museo a públicos culturalmente moi distintos. Leva consigo a necesidade de estar en foros internacionais sen descoidar o cometido local xa que ambas dimensións xustifican a súa razón de ser.

S :: E do fenómeno universal da peregrinación, que nos falta por coñecer?
BPO :: Estamos ante un mundo moi descoñecido, sobre todo no que respecta ao papel antropolóxico do fenómeno da peregrinación nos distintos pobos, culturas e relixións, tanto actuais como do pasado. O coñecemento do comportamento humano, das súas manifestacións en relación coa transcendencia da peregrinación e a influencia na súa vida é un potencial que estamos explotando e que nos sirve para potenciar o respecto e a tolerancia interculturais, ao tempo que axuda a situar a peregrinación xacobea no seu verdadeiro contexto.

S :: Como inflúe o Camiño de Santiago na evolución histórica de Galicia?
BPO :: Históricamente as influencias recibidas e enviadas polas vías de peregrinación a Compostela condicionaron en boa medida o que sería Galicia. Compostela, que naceu e medrou á sombra da peregrinación, tería un papel relevante para todo o territorio galego e de fóra de Galicia. Dende o punto de vista das ideas e do achegamento ao que sucedía no resto de Europa, o Camiño supuxo un fito insubstituíble para o que somos hoxe. Na actualidade, ademais dun incentivo cultural, representa un recurso turístico e un elemento dinamizador da economía e das relacións sociais de primeira magnitude.

(...)

 

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS