serendipia
Entrevista a Víctor Carbajales :: Basilio Pampín
<< sumario

Victor Carbajales, programador do Salón Teatro e distribuidor do Centro Dramático Galego (CDG), fala con Serendipia dos ‘cromosomas identitarios’ do teatro galego, sinalando que, por riba de todo, en Galicia so se fai teatro en galego, matizando que nesta entrevista falará sempre de teatro profesional.

Serendipia :: Cal é o estado da cuestión?
Víctor Carbajales :: Esa condición do idioma galego é unha característica. O minifundio é outra; as compañías, como digo sempre, son compañías familiares. Non existen na maioría dos casos apostas empresariais decididas e de risco. Tamén, e imaxino que isto molestará moito, é un sector en continuo pranto, en continua queixa, sempre todo está mal, sempre a culpa é do resto, nunca hai unha autocrítica polo que se fai, só unha crítica cara á administración. Non hai debate creativo, só económico, o diñeiro nunca chega para nada, son miserias (que en certa medida é certo) pero nunca se plantexa se o que estamos a producir ou a programar está ben o mal.
Tamén creo que o que facemos, creadores e xestores culturais, está rancio e antigo, non hai ideas novas, non hai relevos, e iso pouco a pouco está pasando factura. Obviamente estou xeneralizando, e evidentemente hai xente que está facendo propostas arriscadas e interesantes e outros que, facendo o de sempre, fano tan ben que da gusto ver as súas producións. Por poñerte exemplos, o traballo de Ana Vallés en Matarile ten unha linguaxe fresca, cercana ao público, arriscada, actual, con resultados magníficos máis valorados fóra que en Galicia. E outro, o traballo de Xulio Lago en Teatro do Atlántico, con propostas máis clásicas e convencionais, pero cuns resultados extraordinarios no eido actoral e de dirección.
Eu son optimista porque creo que existen potenciais evidentes, xa que actoralmente contamos cun talento impresionante, un talento que ven da experiencia e do traballo.

S :: A Rede Galega de Teatros e Auditorios, cumpre a función dinamizadora da escena galega? Que diría ás voces críticas?
VC :: Neste momento A Rede Galega de Teatros acaba de sufrir unha forte reestruturación despois dun traballo conxunto e de diálogo de todos os sectores implicados, o IGAEM, organizador da Rede, o sector da programación, o sector da creación e o sector técnico. A reforma éra unha constante reivindicación do noso mundo teatral nos últimos anos e por fin agora temos unha nova Rede. Creo que o lóxico é dar tempo para ver se o novo sistema funciona. Os proxectos culturais sempre necesitan tempo e o único que pido é que, unha vez que temos un novo sistema para a Rede que, por o que sei, foi consensuado por todas as partes, todos nos demos un tempo de observación e unha oportunidade.
Creo que si cumple a súa función de dinamizadora da escena galega, outra cousa é que non todo o mundo pode estar contento, nesta profesión a xente está contenta só se lles vai ben a si mismos, non hai unha análise da situación obxectiva: se me vai ben, o sistema funciona; se me vai mal é o sistema o que está mal. Non hai unha lectura de futuro nunca: ou vaime ben este ano con esta produción ou racho con todo, non podo esperar a que pase o ano que ven. Vívese e trabállase na constante inmediatez, sen plans de futuro.

S :: Que limitacións ten o teatro galego á hora da distribución alén das nosas fronteiras? A lingua é unha limitación?
VC :: En primeiro lugar o idioma podería ser e é unha limitación. As compañías producen en Galicia no noso idioma e saír fóra das nosas fronteiras supón facer unha versión en castelán que moitas veces convértese nun esforzo que non compensa para ir ata Murcia, por exemplo, para facer dous “bolos”. Pero outra limitación é o sistema e os tempos de produción das nosas compañías. Todos os anos hai que facer unha produción e aparcar a do ano anterior. Son poucas as compañías que manteñen as súas obras en repertorio. O problema é que para facer xiras por fóra de Galicia é moi difícil que consigas saír nada máis estrear, necesitarían os espectáculos máis tempo en cartel para poder venderse nun segundo ano de explotación. O problema é que as compañías non poden soportar as súas producións en cartel máis dun ano porque o custo económico é grandísimo e non poden mantelo. Outra limitación é a competencia, que neste momento en España é brutal, hai miles de compañías no Estado, e para que un programador aragonés vai a asumir o custo dunha compañía galega se na súa comunidade ten ofertas similares ás nosas, cos mesmos formatos, calidades e caché?.
Pero existe outro problema importante xa que España está caendo nun peche de fronteiras na maioría de comunidades autónomas. En Galicia moitas compañías miran mal a entrada de compañías foráneas porque pensan que lles van quitar traballo, pois ás de aquí pásalles o mesmo quérense ir a Andalucía, que as compañías andaluzas non queren que entre unha galega por a mesma razón. É un tema moi complicado que creo só ten solución se empezan a colaborar e dialogar as comunidades autónomas entre elas.

(...)

 

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS