

Estimado lector, estimado elector:
Nova cita electoral. Galicia, do mesmo xeito que o resto de España, vivirá o próximo 27 de maio unha nova chamada ás urnas. Os cidadáns elixiremos aos gobernos das nosas cidades, dos nosos pobos, das nosas máis pequenas localidades. Espadas no máis alto. É hora da política de andar por casa, da política que afecta ao cidadán de a pé, da política doméstica, que non domesticada.
Os galegos elixiremos a 3.835 cargos municipais nos 315 concellos que se estenden coma un quebra-testas por todo o territorio da comunidade autónoma. Difícil responsabilidade! A cita está aí. Hai quen pensa que nunhas eleccións municipais xogámonos, máis que noutras contendas, o noso futuro, o noso benestar e a nosa estabilidade. Así de claro.
A cita electoral do 27-M será capaz de deter os demais mecanismos que rexen a vida cotiá: a economía parece ralentizarse, a cultura atravesa un mes de letargo, os asuntos xudiciais esperan a mellor ocasión, a actividade diaria sitúase baixo mínimos. E así todo o demais. A contenda electoral parece dominar as nosas vidas. Todo se converte en política durante estes días. Nada parece máis importante ca política. É o centro da gravidade cidadá.
Choven as promesas electorais; os compromisos entre goberno e gobernado volven relucir. Uns e outros prometen o ouro e o mouro. Pero tamén é hora de axustar contas, din os inconformistas. Os votantes, como sucede en cada cita electoral, teñen a oportunidade de pasar factura, de cobrar a súa peaxe. Ou, se así o deciden, de manter a aposta, de reafirmar a confianza no político de quenda. É a vantaxe da democracia, que permite decidir aos cidadáns, que asigna a última palabra ao elector, que entrega a potestade ao habitante de cada concello.
As eleccións municipais, como asegura unha maioría de cidadáns, chegan nun momento oportuno. Son tempos revoltos, tempos de confusión. E o 27-M aparece como unha boa oportunidade para enderezar o rumbo. A cita electoral, abafada por asuntos urbanísticos, por sospeitosas adulteracións de censos e por outros avatares, chega como ‘auga de maio’. 2.311.620 galegos depositaremos de novo a nosa confianza nos desprestixiados políticos locais. E saia quen saia, elixamos a quen elixamos, votaremos para esixir transparencia, responsabilidade e honradez. Para que os nosos municipios sexan un espazo para compartir, un espazo para construír un futuro en común, un espazo para o diálogo, para que ninguén acepte a quen pretenda sacar tallada. Votaremos para esixir que se expulse a quen queira aproveitarse dos seus votantes.
104.457 galegos, que xa cumpriron 18 anos de idade dende a última cita coas urnas, introducirán o seu voto por primeira vez. Chegan virxes ao exercicio da democracia. Esixiremos que á primeira de cambio non sintan noxo dos seus gobernantes. Nin eles nin os máis veteranos. É o momento de corrixir o rumbo.
O director
Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986
