

Estimado/a lector/a:
Unha rapaza coa que eu compartín case todo durante décadas casou o mes pasado en Santiago cun arquitecto asturiano. Boa comida, viño e baile ata as sete da mañá. Ao día seguinte, resacoso, convidei a dous curmáns a tomar unha cervexa na miña casa. Son cataláns. Orgullosos de selo pero sen caer no radicalismo. Prendemos a televisión e na Galega botaban Luar. Gayoso soáballes de anteriores visitas a Galicia. “Aínda segue aí?” preguntaron, ao que asentín con certo xesto de resignación. “Foder, nin Mayra Gómez Kemp”, engadiron cun sorriso irónico. O caso é que Gayoso presentou á estrela invitada da noite, “el Puma”; “El Puma? Aínda segue cantando?”, preguntaron de novo. Non fixo falta nin que falase, de seguida saíu “El Puma” de sempre, con canas pero co seu tupé, cantando unha das súas míticas cancións ante o barullo das señoras presentes na sala.
Despistámonos falando da voda ata que me erguín e fun ao baño. Dende alí escoitaba risos, con algo de sorna, comentarios de incredulidade e expresións incluso daniñas. Saín. De seguida o entendín. Luar estaba inmerso nun apaixoante concurso para elixir a Miss Galicia –programa do pasado 29 de xuño- A rapaza máis guapa da comunidade? A raíña da Terceira idade? Un certame de tallas grandes? Non, do que se trataba era de escoller á vaca máis guapa… como o oen, acórdome perfectamente de que unha das candidatas chamábase Perica. Inmediatamente converteuse na preferida dos meus curmáns, con gañas de cachondeo e sen acabar de saír do seu asomo.
Non son doados os cambios de ciclo, non é sinxelo deixar atrás unha etapa marcada polo Supermartes, Luar, Os Tonechos, en fin a TeleGaita. Pero o esforzo que se fixo non foi suficiente. Segue Gayoso, pero tamén volveu Piñeiro e Os Tonechos nunca se foron. E se algunha vez o fixesen, repetirían vinte veces as súas actuacións e todo arranxado. Co cambio de Goberno parecía que as cousas ían cambiar dunha forma máis contundente, os primeiros meses así o facían agoirar. Pero un novo logotipo non é suficiente.
Desgraciadamente choveu aquela fin de semana, aínda que esta circunstancia non desluciu en ningún momento a voda desa rapaza coa que compartín tantas cousas. Os meus curmáns fóronse coa sensación de que Galicia mantiña as súas características: Gayoso na tele, a vaca como musa de todos e a choiva como fiel acompañante. No banquete comeron marisco, puxeron queimada despois das sobremesas, un cuñado tocou a gaita ás tres da mañá e acabamos bailando a muiñeira.
É posible que os de fóra tivesen botado de menos parte desas cousas se non as tivesen atopado. Pero se a aposta era cambiar as cousas no terreo dos medios de comunicación públicos, o camiño percorrido é escaso. A pesar das audiencias, hai apostas que non poden durar seis meses, porque a imaxe de Galicia que vendemos a través da pantalla é a mesma que hai dez anos. E, home, algunhas cousas si que cambiaron nesa terra. Tal vez chegou a hora de vendelas mellor. O novo logotipo, o G, non é suficiente.
O director
Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986
