serendipia
Entrevista a Anxos Sumai :: Xosé Manuel Lens
<< sumario

Anxos Sumai é unha das escritoras máis imaxinativas do panorama actual, definindo unha vertente creativa tanxencial, cun labor que podería compararse co dunha fotógrafa: capturando da realidade as doses precisas de incerteza, de provocación, de mirada diferente. Publicou as obras Anxos de Garda e Melodía de días usados, ademais de colaborar en numerosos proxectos editoriais. Foi merecedora do Premio da Crítica, do Blanco Torres de Xornalismo Literario e vén de gañar o Premio “Repsol YPF” coa novela Así nacen as baleas, que será publicada nas próximas semanas pola Editorial Galaxia.

Xosé Manuel Lens :: Pensa nun lugar en nunha protagonista dentro dunha historia, como se chama a novela?
Anxos Sumai: É unha escena que acontece nun mercado africano, nun país onde alguén decidiu que era preciso matar a todos os tolos que tiñan a capacidade de razoar. Ao berro de “é unha ladroa”, unha muller embarazada é asaltada por un grupo de persoas que lle bota gasolina enriba e préndelle lume. O corpo arde durante horas no medio do mercado como unha estatua surrealista e incandescente, mentres o seu ventre avultado parece rir e a xente pregúntase como puido cometer semellante atrocidade. É unha escena dun libro de Ken Bugul que, na edición castelá, leva por título La locura y la muerte.

X.M.L. :: Dentro da túa produción sobresae a actividade como documentalista e bibliotecaria, desde hai varios anos. Como cres que se relacionan co teu exercicio como escritora?
A.S. :: Antes ca bibliotecaria e escritora fun lectora. Aprendín a ler (debería dicir escoitar, pero vén ser o mesmo, porque ao cabo todo dá no pracer, na curiosidade e nas preguntas) coa literatura oral. Vivir ese tempo en que o terror, a épica e a intención moralizante e de transmisión da memoria ocupaban as noites da aldea foi para min un privilexio. Eu non nacín bibliotecaria nin escritora. Nacín limitada por determinadas circunstancias. Ser o que son agora foi unha cuestión de decisión. Despois de ser lectora quixen ocupar o lugar dos narradores que producían tantas alteracións no meu estado de ánimo. Quixen ser coma eles, quixen escribir as miñas propias historias. Quixen posuír o don da palabra que engaiola, que te ata, que che dá medo, que che produce dúbidas e te fai feliz. Cando no colexio tiven acceso á primeira biblioteca que vin na vida, quedei tan marabillada que quixen ser a persoa que me abría libros sobre a mesa e me presentaba cada libro coma un universo. Quixen ser bibliotecaria e estudei para ser bibliotecaria. Agora esa é a actividade profesional que me paga as facturas cada mes e que me dá tempo e tranquilidade para poder ler e escribir. Son, de novo, unha muller privilexiada.

X.M.L. :: Xa centrándose na túa obra, que vínculos se poderían establecer entre obras publicadas (libros, contos ou artigos) con moitas referencias? Cales son as túas identificacións creativas, autores, escritores?
A.S. :: Éme imposible enumeralas. É como intentar discernir que hai de meu pai o de miña nai en min. Eu son incapaz de dicir cales son as miñas referencias, tería que nomear unha lista enorme de escritores, veciños, pintores, músicos, amigas da infancia, mortes dolorosas e melancólicos brindes de nadal. Non o sei. Creo que de todas as obras, como de todas as persoas e de todas as paisaxes, aprendín algo que fai que tanto eu, coma a miña escrita, evolucionemos.
Con todo, é verdade que busco tamén certo tipo de literatura, a literatura do silencio, como diría un bo amigo meu. A literatura dos autores cunha voz máis persoal, distinta, sorprendente, que sempre están acubillados no fondo dos andeis. Lin todo o que foi caendo nas miñas mans pero, coa madureza, voume convertendo nunha lectora moito máis selectiva, de aí que, nos últimos anos, bote horas percorrendo librerías na procura dos libros máis “silenciosos”. Así coñecín a autores e autoras africanas a través de editoriais como Zanzábar ou El Cobre, seguín as peregrinaxes poéticas de Basho e Maruyme no Xapón do século XVII e descubrín voces como as de Graciela Cros ou Mohamed Chukri. Tamén os amigos, adictos coma min á lectura, me ofrecen as súas preciosas descubertas literarias.

X.M.L. :: Cal sería a túa idea de literatura?
A.S. :: Para min a literatura é a capacidade de facerme preguntas. Unha pregunta é sempre un paso adiante e a literatura non é para min, dende logo, algo estático. Non é unha columna de granito por moi fermosa que sexa, senón algo que flúe, coma o sangue ou a auga.
Ocórreme con ela que a sinto como un amante que me produce un pracer infinito pero, ao mesmo tempo, tamén me fai sufrir. Nesa especie de gozo masoquista é onde son capaz de crear. Antes podía desprenderme da literatura con maior facilidade e entregábame a outras formas de pracer ou de dor. Entregábame a cousas tan simples e acomodaticias, á felicidade estúpida das respostas, como compartir a vida con alguén. É dicir, chegar á casa e que alguén te espere ou chegar á casa e esperar por alguén. Ó cabo deixei moitas cousas de lado porque me entreguei á miña cativadora amante. A literatura, a amante da que podía prescindir, convérteseme nunha tirana e a min encántame que me someta. Sométeme e faime libre, máis libre e máis feliz do que fun nunca.

(...)

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS