serendipia
Entrevista a Alfonso Zarauza :: Anxa Correa
<< sumario

Durante tres anos, Alfonso Zarauza (Santiago, 1973) preparou a súa ópera prima en silencio, mentres traballaba nos guións de novos proxectos da produtora madrileña Iroko, empresa da que é socio. A súa traxectoria sinálao como pai de cinco curtametraxes, videoclips de éxitos de Radiolé, spots de publicidade e making of de películas. A rodaxe comezou en Santiago, e haberá que esperar aos primeiros meses do 2008 para descubrir un posible director revelación nas salas de cine.

Serendipia (Anxa Correa) :: As súas curtas anteriores, pódense considerar ensaios para ‘A noite que deixou de chover’?
Alfonso Zarauza :: Si, foi unha aprendizaxe. Empecei hai case 12 anos a facer curtametraxes, era moi noviño. Con 20 anos xa facía curtas algo máis profesionais. Con Luís Tosar fixen tres curtas nos anos 90 e para min foi a miña escola porque daquela en Galicia non existían case nin as escolas de cine. Deixei a carreira de Dereito para facer curtas sen saber moito, lendo libros, e as primeiras eran perralleiras.

S :: Antes facer curtas era unha aventura más solitaria...
A. Z. :: Si, antes eras un marciano, facer unha curtametraxe era algo moi raro, non estaba nin sequera de moda, era unha cousa moi complicada, tiñas que traelo todo de fóra... Agora aquí hai de todo, hai centos de curtametraxistas, hai centos de materiais, hai xente preparada en todos os departamentos... Pódese facer cine profesional en Galicia con equipo técnico galego, actores galegos, películas enteiramente galegas. Daquela era unha utopía.

S :: Nos últimos anos proliferan as curtas, pero a cantidade ten que ver coa calidade?
A. Z. :: Si, é unha barbaridade marabillosa. Penso que non é cuestión tanto de calidade, senón que de aí vai saír unha canteira de novos directores, novos técnicos, novos actores, dos que algúns destacarán.
S :: Proba desta canteira é que no seu caso, emprega na súa primeira longa o equipo que o acompañou naquelas primeiras curtas...

A. Z. :: Si, si, teño como cinco ou seis actores que empezaron comigo: Camila Bossa, Roberto ‘Luna’ Sánchez, César Martínez ‘Goldi’... daquela eles tiñan “vintepico” anos e eu era aínda un pimpín. Unha das primeiras curtas de Luís Tosar as fixo comigo no ano 94, el tiña 23 anos, e eu tiña 20.

S :: O reencontrarse nesta película é unha mostra de gratitude mutua?
A. Z. :: Si, de aprezo e de gratitude... Todos nos formamos nestas curtametraxes, xunto con outros como Jorge Coira. Eramos cinco ou seis os que faciamos curtas aquí, e todos somos amigos. Agora comezamos a dar o salto á longametraxe todos, tanto Jorge Coira, con O ano da carracha, como Ángel de la Cruz con Os mortos van ás presas, que se rodará este ano. Ao final todos emerxemos.

S :: A meirande parte das súas curtas xa transcurrían de noite, que ocorre pola noite que tanto lle atrae?
A. Z. :: Vivo moito de noite, entón sempre me pareceu máis interesante o mundo da noite có de día. Ten un punto decadente, sórdido, e ao mesmo tempo, divertido. O día é máis anodino, máis aburrido. Gústame máis o mundo da noite. Pero non é consciente.

S :: Gústanlle os retos, porque rodar de noite terá os seus inconvenientes...
A. Z. :: É unha rodaxe moi complicada tecnicamente por unha chea de razóns. De noite hai que iluminar moitísimo, e ademais a película comeza e remata chovendo. Son case dúas semanas de choiva que hai que traer, que manda carallo, ter que facer a choiva artificial en Santiago!

S :: Nos tres anos que leva preparando a película, algunha vez tivo a impresión de que se ía ir abaixo?
A. Z. :: Non, eu sempre fun bastante constante e tiven bastante claro que sairía adiante. Eu traballo en Iroko, onde xa fixemos catro longametraxes, e sei o complicado que é, pero se traballas moito o guión e o guión vale a pena e con ese guión consigues bos actores, o proxecto vai ir para arriba. E así foi, pero detrás hai moito traballo e moito esforzo. A un actor só o podes engatusar cun bo guión e un bo personaxe. Esa era a miña única baza como director novel.

(...)

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS