serendipia
Carta do editor :: David Barro
<< sumario

>> castellano

Estimado/a lector/a:

Hai un ano escribín nestas mesmas páxinas o meu convencemento de que Serendipia era, sobre todo, unha necesidade. E dicíao non pensando exclusivamente nesta publicación, senón en todo produto editorial capaz de erixirse coma instrumento independente do poder político e económico, en definitiva, nada máis ca iso: independente. Continúo pensando exactamente igual, se ben a miña satisfacción non se viu dabondo cumprida nesta primeira etapa da publicación, como tampouco a dos directores, xa que todos queremos máis e dar un novo paso nesta nova etapa que comeza no 2008.
Así, aínda que para algúns semelle precipitado un troco a estas alturas do partido, iniciaremos unha nova etapa de Serendipia, cun novo formato, con máis do dobre de páxinas e cun verdadeiro sentido temático que fará que cada número teña un coordinador editorial dependendo do tema a tratar. Serendipia procurará un maior rigor no tratamento dos temas e continuará a partir dunha vontade de ser máis un libro para coleccionar que unha revista de ollada rápida. Iso si, cun mesmo interese na imaxe, nos colaboradores gráficos, coas características portadas do noso colaborador Fran Herbello... E co mesmo prezo, xa que a nosa intención é chegar á maior parte de xente e conseguir difundir a cultura de Galicia na medida das nosas posibilidades. Con esa intención partimos e desenvolvemos o primeiro ano, as primeiras entregas. E sempre, sen présa, fieis á editorial independente (Dardo ds) que da acubillo á revista conxuntamente con Dalupa.
Serendipia naceu en feliz coincidencia cun momento no que outras pequenas editoriais comezan a publicar revistas propias, o que nos fala dunha etapa prometedora para o campo editorial independente, con menos compromisos políticos e comerciais que os grandes grupos e compañías de capital internacional. A produción alternativa supera os seus límites económicos cunha ausencia de límites na produción intelectual. Así, nos últimos anos vimos emerxer editoriais sen fins lucrativos (The New Press), con forma de cooperativa (Ordfront)... sempre co fin de preservar a autonomía política e cultural. É a maneira de combater o cada vez menor espazo crítico e a cada vez maior fractura social.
Serendipia procurou esquivar a impostura e falta de independencia á hora de conformar a actualidade, a máis amable e a máis dura, como o noso ‘muckraker’. Sen buscar a guerra, en Serendipia perséguese o debate, o pensamento. Farémolo esteamos ou non de acordo cos nosos colaboradores, coas súas opinións, coa súa opción política que sempre respectamos. Sen excepcións. Esa é a alternativa de Serendipia, o pensamento libre, o da pluralidade.

O editor

 

inicio
01
02
03
04
05
06

 

 

Edita ARTEDARDO: Rúa Lisboa 6A, 3ºA. Área Central-Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela. Tel.-Fax: 0034 881 976 986

 

SUMARIOS